Tuesday 14 de May de 2024

Centos de veciños e veciñas participan nas actividades organizadas polo Concello de Noia para conmemorar o Día do Medio Ambiente


 

A Concellería de Medio Ambiente repartiu centos de embudos feitos con envases reciclados para facilitar o baleirado do aceite nas botellas

Centos de veciños e veciñas, sobre todo nenos e nenas, participaron  nas actividades organizadas polo Concello de Noia para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente. Entre as 11:00 e as 14:00 horas, a alameda de Noia acolleu un inchable de multiactividades deportivas para os máis pequenos, así como un obradoiro de reciclaxe no que os pequenos aprenderon a importancia de consumir produtos alternativos ao plástico así como diversos modos de reciclar os envases de plástico que teñen nas casas.

Paralelamente, no centro da alameda instalouse un circuíto de Educación Viaria na que os nenos e nenas, equipados co seu chaleco reflectante e a bordo das súas bicicletas e mesmo algún que outro patinete, aprenderon as nocións básicas de circulación en rotondas e o significado dos sinais verticais de Stop e Ceda o Paso, así como dos horizontais (pasos de peóns e obrigatoriedade de xiro). Os pequenos levaron o chaleco para as súas casas, cunha lenda na parte traseira que lembraba a necesidade de deixar cando menos 1,5 metros de distancia co ciclista á hora de adiantar.

Reciclaxe de aceite

Así mesmo, para os adultos había instalado un posto no que, ademais de explicarlle á xente os beneficios de non fumar e conciencialos de que non poden tirar as cabichas en calquera lugar, tamén tivo lugar unha exitosa campaña de sensibilización cidadá para a recollida de aceite de cociña usado.

A concelleira de Medio Ambiente en funcións, Ángela Neri, explica que “tirar o aceite usado polos fregadeiros ou inodoros supón un risco de atasco nas tuberías, aumenta os costes da depuración de augas e, sobre todo, contamina as augas da nosa ría, pois forma unha película superficial na auga que afecta a todo o ecosistema mariño. Por cada litro de aceite que reciclamos estamos evitando contaminar un milleiro de litros de auga”.

E para facilitar esa reciclaxe, durante toda a mañá se estiveron agasallando aos veciños e veciñas de Noia con centos de embudos, feitos con envases de botellas reciclados, que facilitan o baleirado do aceite nas botellas. Así, o embudo conta cunha rosca que se coloca onde o tapón da botella, permitindo o baleirado do aceite con seguridade e sen que se perda nada do líquido. Unha vez depositado o líquido, o enxeño dispón dunha tapa que permite o peche da botella, que queda lista para a seguinte recollida.

Ángela Neri estivo acompañada polo alcalde en funcións de Noia, Santiago Freire, así como polos concelleiros electos Martín Fernández Godón, Juan Ramón González Oviedo e Laura Salgado García